sábado, 29 de diciembre de 2012

"Sorrisos e bágoas" en ASOBLOG

"Sorrisos e bágoas" como a célebre película de Julie Andrews, podería ser un bo título para describir o estado de ánimo dos socios de Asoblog Salnés estes días.



Sorrisos, porque a nosa compañeira Merchy Pintos acadou un gran éxito coa súa iniciativa solidaria de dar xoguetes e alimentos para donar aos Servizos Sociais a cambio de tratamentos de beleza.



Sorrisos porque Rocío Garrido que leva o blog La Cocina de mi abuelo quedou finalista dos premios "Gourmand World Cookbook Awards de 2012", co seu libro:  “Cociñando coas razas autóctonas”. Podes ver aquí : unha entrevista publicada no Faro de Vigo.





E bágoas porque se nos marcha a Estados Unidos Óscar Pardo Planas, administrador do blog Cambados tk. Esta páxina foi (que eu recorde) a primeira que houbo en Cambados hai xa 8!!! anos, que é toda unha vida na blogosfera de internet. El foi o pioneiro en ofrecer no seu blog novas sobre Cambados cun enfoque crítico, intentando cambiar as cousas para mellor, neste Concello noso que é tan susceptible de ser mellorado. E creo que Óscar o conseguiu. Porque sen o seu traballo non habería hoxe en Cambados tantos blogs debullando o que aquí pasa e "vixiando" o que fan os responsables políticos; todos os que hoxe publicamos blogs seguimos o seu ronsel. Óscar foi quen de unir forzas entre a xente nova, creando unha conciencia crítica entre eles, lembrade iniciativas como "a marea Laranxa" ou a máis recente contra a estatua de Fraga. Pero a parte de gabar a súa intelixencia, vontade e capacidade de traballo gustaríame resaltar o boa persoa que é, cualidades todas que lle farán ter éxito alá onde vaia. E ese é o problema, que  xa non volva. Lembro unha reunión na que o seu amigo Chon comentou (creo que moi en serio) que Óscar sería Alcalde de Cambados algún día, eu non só o penso, o desexo de corazón. Así que Óscar, con bágoas nos ollos che digo: Ata logo e Volve!.